Thursday 09 de May de 2024

O Concello de Frades saca a licitación obras de mellora en camiños de todas as parroquias por importe superior aos 360.000 euros


 

O Concello de Frades ven de sacar a licitación pública na Plataforma Nacional do Estado as obras incluídas no Plan de Obras e Servizos e Plan Complementario 2018 da Deputación da Coruña, por un valor de 361.112,87 euros. O alcalde de Frades, Roberto Rey, explica que se trata de “obras de mellora de estradas e camiños municipais en todas as parroquias do concello, nos que pretendemos reparalos e anchear varias pistas, para conseguir que cando menos teñan cinco metros de ancho”.

As actuacións licitaranse en catro proxectos. O primeiro deles, denominado “Camiño a Tatrentos (Añá) e outros”, está orzamentado en 97.828,33 euros e inclúe sete actuacións: mellora dos accesos a Currillos (Vitre), á área recreativa da Presa (Ledoira), ás Quintas (Ledoira), á Capela de San Nicolao (Frades) e a Carballeira (Gafoi), así como mellora dos camiños entre Fontelo e DP-3802 (Aiazo) e do camiño a Tarrentos (Añá).

O segundo proxecto, “Camiño a Fontao (Abellá) e outros”, conta cun orzamento de 112.451,69 euros e inclúe outras cinco actuacións noutros tantos camiños: accesos a Fontao (Abellá), camiño de Moar a Pedreira (Moar), camiño de Vista Alegre ao Pazo (Galegos), camiño de Quintán ao cemiterio (Abellá) e camiño do Consello a Zochal (Papucín).

O primeiro dos proxectos do Plan Complementario, “Accesos ao Casal (Vitre) e outros”, está orzamentado en 64.836,02 euros e inclúe cinco actuacións: mellora dos accesos ao Casal (Vitre), accesos á Igrexa de Galegos e ao cemiterio de Añá, así como o bacheo e arranxo dos camiños Castro-Cruz do Canedo e da Taberna á Vila, ambos na parroquia de Abellá.

O segundo proxecto, “Camiño Igrexa a Devesa (Aiazo) e outros”, está orzamentado en 85.996,93 euros e inclúe melloras en catro camiños: camiño da igrexa a Devesa (Aiazo), camiño entre o local social e a N-634 (Céltigos), camiño entre Devesa e o límite con Oroso (Aiazo) e o camiño entre San Martiño e San Mauro (Frades).